2015-02-18

Ti laberinto

Sospeito que es laberinto, 
unha sombra ladroa bebendo a miña vida;
i eu esperando o ditado do silencio
que xira como dous mundos perdidos 
                                 no baleiro inmenso ...

2015-02-17

A música e Centro Europa ...

          Encantaríame viaxar a Centro Europa para que a pequena puidese ver e disfrutar das cidades onde boa parte da música occidental se desenrolou. Paréceme unha viaxe fantástica para ela que sempre se emociona coa música, coa viaxe, cos hoteis, coas paisaxes ... Estou na busca dun percorrido que pague a pena e que o presuposto se axuste as nosas condicións.

2015-02-15

Declaración de amor

       Unha das mellores declaracións de amor a atopei cando nena no libro de "Rut", e di algo así: "Onde vaias ti, irei eu; onde habites ti, viverei eu; o teu pobo será o meu pobo e o teu Deus será o meu Deus; onde morrras ti, finarei eu e serei tamén enterrada eu." Declaración de entrega total mais, cando todo remata, ¿que é de nós se antes eleximos desdibuxarnos e perdernos noutro? 

2015-02-08

Antes de ti ...

                "Antes de ti non houbo antes..." De seguro que a cada un de nós alguén nos dixo isto ao ouvido. Confúndese desideratum coa realidade mais é presente no momento no que pronunciamos esas verbas. Pois sí, repetimos como un mantra esas verbas; palabras que pode ser unha cantiga infantil se engadimos: " ... tódolos amantes quedaron atrás; despois de ti non haberá ninguén que engada en amor algunha cousa máis." Estar namorado produce ese efecto ...

2015-02-05

Como entón

Os meus xaneiros ...

              Onte os meus xaneiros deron pasos cara o teu inverno ... Os teus ollos falaban: hai alguén que se achega e se alonxa de nós fuxindo do rebumbio. Nesta noite chuviosa, xa lonxe ámbolos dous, brinco de súpeto, debaixo desta lúa, e o vento vai e ven.

2015-02-02

Eu soa

                 Eu soa, co teu nome na porta resplandecente... Ti heroe de costumes no bambán na beira da túa alma, nas profundidades do meu mar. Non mires cara atrás porque eu só preciso que esteas como se non estiveras, amor.   

2015-02-01

Matando o tempo ...

            Levo dous días matando o tempo instalando aplicacións de fotografía no teléfono. A min me parece entretido ... Exemplo: